Querido Toni

Querido Toni
4.6 7 votos

Querido Toni:

Podo falarche en galego? Supoño que si porque un rapaz coma ti, un home de mundo que coñece Galicia “de cabo a rabo” comprende perfectamente a lingua de Rosalía. Non coma os cirurxiáns que nunca tal cousa viron. Escribiches unha cousa e síntome na obriga de responder.

Sabes, Toni? Teño dúas fillas pequenas que naceron nun entorno bilingüe e non son capaces de expresarse en galego con normalidade. Cústalles o triplo de esforzo entender unha lectura en galego que en castelán e non digamos poñerse a redactar unhas poucas liñas. Non sei como foron capaces de facelo, como puido suceder cousa semellante nun lugar no que o castelán está a esmorecer e é imposible acceder aos servizos públicos coma a educación ou a sanidade se non es galego falante.

Vou tratar de explicar o que aquí sucede, por se non o sabes. Aínda que, se me preguntas a miña opinión, penso que o sabes de sobra. A lingua é un patrimonio desta terra na que eu nacín, un patrimonio enorme, máis grande aínda que esa catedral de Compostela onde veñen milleiros de persoas cada ano. A lingua galega é o idioma oficial en Galicia, xunto co castelán, claro. Unha lingua de segunda porque, como ti ben sabes, a Constitución Española non obriga a coñecela pero, por sorte, si que outorga o dereito de facelo.

É unha lingua que se mantén grazas ás zonas rurais, esas zonas son a verdadeira reserva natural da lingua porque as administracións, que ti criticas, só fan formularios en galego e pouco máis (E supoño que un home de mundo coma ti comprende perfectamente o que significa “Nome e Apelidos”). A literatura non adoita a traducirse ao galego, coido que conto cos dedos dunha man as filmes dobradas ao galego, os rapaces case non teñen contidos infantís en horario normal, o idioma empregado na maioría dos comercios e na carteleira das rúas é o castelán. Queres que siga? E ti, pretendes que a Xunta potencie oferta cultural en castelán cando a oferta en galego e case inexistente? Quen vai potenciar a nosa lingua? Madrid?.

Táchasme a min de nacionalista, a min que penso que unha bandeira e un trapo pintado, por defender o meu dereito a ser atendido en galego, en Galicia. Táchasme de populista, apoiándote na famosa excelencia cun exemplo que se cae por si só. Imaxina ti que ese cirurxián tan marabilloso non fose quen de ler o informe do especialista porque este o redactou en galego? Estás mentindo, Toni. Estás mentindo porque ti non queres que os mellores traballen en Galicia, porque se así fose, tampouco sería necesario que falasen castelán, ou si o sería? O castelán é o idioma do estado e si é obrigatorio, verdade? Aínda que non saibas coller un bisturí (Seica os títulos universitarios os regalan). O nacionalista es ti, e ademais es un nacionalista rancio, dos que pensan que están por enriba das outras nacións por dereito de nacemento. O populista es ti , porque chegas co teu discurso aprendido e sen contrastar para ferir a algo que xa está a piques de morrer. Sabes de sobra que calquera pode optar a un posto na función pública en Galicia sen máis que pasar un exame ben fácil, así que non veñas con contos.

¿Gallegos, que les parece? Preguntas. Pois paréceme mal, moi mal. Paréceme un insulto e un desprezo por unha terra que moito non debes coñecer. E penso que, se no teu partido ninguén te chamou a atención por isto, é que teñen a mesma idea ca ti do que se vive en Galicia. En Galicia non somos parvos, traballamos no campo e temos animais na casa pero non somos peores ca ti nin nos gusta que nos enganen. Non ides papar nada nos próximos comicios e, sabes unha cousa? Alégrome.

A que me entendiches ben?

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Time limit is exhausted. Please reload CAPTCHA.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.